O proxecto "licores artesanais" naceu dunha afición común que temos dende fai anos dúas amigas: a elaboración con base de augardente de licores tradicionais galegos.
Recopilamos receitas populares, algunhas de moita tradición como o licor café e a augardente de herbas, e outras menos coñecidas pero recollidas do saber popular, como a do licor de folla de figueira, licor de canela… e as máis innovadoras como a da crema de orujo.
Durante anos, elaboramos estes licores artesanais para o disfrute dun grupo reducido de familiares e amigos, que nos animaron a participar no concurso de licores caseiros que se convoca cada ano na famosa e recoñecida Festa da Istoria de Ribadavia, onde obtivemos diferentes premios.
Pouco a pouco, fómonos facendo donas dese saber popular, que xunto cun proceso totalmente artesán e os ingredientes mais naturais, acadou un resultado que segundo persoas catadoras, familiares e amigos, podería ter un alto grado de aceptación no mercado, tan necesitado deste tipo de productos artesáns. Presentamos agora estes licores á vosa consideración e ofrecémosvolos en botellas decoradas artesanalmente, pintadas a man ou repuxadas en estaño por unha das promotoras desta iniciativa.
Eleximos este nome pola similitude cos nosos obxectivos: a elaboración ao xeito tradicional, por maceración lenta de produtos naturais. Facemos así unha homenaxe á naturaza, que deixa a súa maxia nos nosos licores.
A súa orixe é incerto, uns sitúano no Paleolítico, momento no que xorden os cultos agrarios, outros no Neolítico, co nacemento da agricultura. Sábese que naceron da necesidade de crear un ritual para o crecemento das colleitas e a súa protección de ameazas, tanto naturais, ratos,toupeiras…, como sobrenaturais, as meigas, que botaban mal de ollo as colleitas.
"Os maios" son esculturas de diferentes formas feitas con elementos vexetais, musgo, flores… e recubertos cos "bugallos" dos carballos (de aí o logo dos nosos licores). Na súa orixe as formas eran piramidales e cónicas.
Acompáñanse de coplas de componente satírico, que fan referencia a calquera acontecemento social do momento.
Na comarca do Ribeiro, en San Clodio-Leiro, preparamos este pequeno taller, con todas as garantías sanitarias e demais requisitos legais, para elaborar os nosos licores caseiros.
Invitámosvos a unha excursión moi relaxante, na que podedes visitar monumentos, (igrexa e mosteiro de San Clodio, igrexa de Lebosende, Serantes…) e adegas do mellor ribeiro, pasear polas beiras do río Avia e finalizar cunha visita ao noso taller artesanal de "licores Os maios", onde vos invitaremos a unha degustación gratuita dos nosos produtos.
Animádevos, estamos a menos dunha hora de Vigo, Pontevedra e Santiago e a media hora de Ourense.